Nova ruta unindo o Remuíño, o Castelo e a Pedra do Home

Vai agora para 2 anos realizara unha ruta cara a zona do remuíño coa intención de dar a coñecer un pouco ese lugar e a magnífica contorna pola que transcorre, pero consciente de que moi preto temos moitos máis puntos de interese que poderían chegar a formar parte de unha ruta mais interesante e con mais puntos de interese.

Hoxe traio aquí unha proposta que une unha morea de lugares interesantes entre as parroquias de Portomouro e Portomeiro formando unha ruta circular, sendo así máis interesante que ir e volver polo mesmo traxecto como fixemos de primeiras cara O Remuíño. A distancia aumenta levemente pero segue tendo unha dificultade media-baixa, pois o traxecto transcorre por sendeiros e camiños en bo estado, ten unha lonxitude aproximada de 16Km. Pode realizarse tanto a pé como en bicicleta de montaña.

Posiblemente os puntos mais relevantes que atravesa esta ruta sexan a antiga central eléctrica do Remuíño, o castelo altomedieval de Portomeiro e os sartegos da Pedra do Home de Portomouro. Pero non se queda aquí, tamén pasaremos polas ruínas da capela de Novais, as igrexas de Portomeiro e Portomouro e, opcionalmente, a carón de outros lugares tanto ou máis interesantes como a pesqueira de Novais ou o Castro de Portomouro. E todo unido por un nexo común formado polo magnífico bosque de ribeira que hai en todo o traxecto e o precioso val que forma o río Tambre neste punto e que poderemos observar en varios momentos.

Esta proposta pode sufrir algunha pequena modificación se é posible mellorar algúns tramos ou engadir algún novo punto de interese. Neste senso, convídovos a todas e a todos a realizala xa sexa camiñando, correndo ou en bicicleta de montaña, e calquera opinión ou suxerencia será benvida.

Se a pandemia e o tempo o permiten, pode que próximamente intente organizar unha quedada para realizala en grupo.

Aquí podedes ver a proposta da ruta, onde irei engadindo máis información: Ruta do Castelo