Letras Galegas 2018, María Victoria Moreno

O próximo xoves día 17 de Maio celébrase, como tódolos anos, o día das Letras Galegas. Este ano está adicado á escritora María Victoria Moreno, a quen coñeceremos hoxe un pouco máis.

María Victoria é a 4º muller en ser homenaxeada o día das Letras Galegas. Antes ca ela fórono Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido e María Mariño.

Biografía

Para empezar, debemos destacar que María Victoria non naceu en Galicia. É natural de Cáceres, do ano 1939. Dende nena tivo unha educación axeitada. Estudou o bacharelato nun internado en Barcelona onde aprende Catalán e Francés e onde descubre a literatura co Quixote e o O Principiño. Posteriormente, de 1958 a 1963 estuda Filoloxía Románica na Universidade Complutense de Madrid onde tivo de mestres a xente como Dámaso Alonso. Ao rematar a carreira, a nosa autora casa con José Luis Llácer, un valenciano invidente 10 anos maior ca ela e co que adoptaría 2 fillos anos despois. Ese mesmo ano destinan a José Luis como profesor a un instituto da ONCE en Pontevedra, feito polo que a parexa se traslada por primeira vez a Galicia tendo María Victoria uns 24 anos.

A autora galega xa coñecía Galicia, pois dende nena visitara a unha tía que tiña en Valdoviño. En Pontevedra ela tamén comeza a traballar como mestra de latín e de francés e 2 anos despois é destinada a Lugo (ó que hoxe é o Lucus Augusti) despois de aprovar a oposición, lugar pasa outros 2 anos antes de volver de novo a Pontevedra como mestra de lingua castelá.

Kathrinwitzer Imaxe de María Victoria Moreno

En 1986 consegue praza de catedrática en Sanxenxo, e 4 anos despois consegue o traslado ó IES Gonzalo Torrente Ballester de Pontevedra onde estará ata o remate da súa carreira como docente.

EN 1996 morre o seu home, e un ano despois diagnoticanlle a ela cancro de mama. En 2002 xubílase como catedrática de ensino medio, e finalmente en 2005 morre por mor do cancro aos 66 anos de idade.

Previamente volverase casar cun capitán da mariña mercante cubano.

María Victoria e o galego

Despois de asentarse definitivamente en Pontevedra, María Victoria comeza a ser moi activa na vida cultural e política Galega. Durante a ditadura franquista estaba prohibido o ensino en Galego, pero ela aproveitaba as súa clases de literatura castelá dos venres para ensinar literatura galega ós seus alumnos. O seu compromiso máis grande coa nosa lingua sempre foi o de ensinarlla e transmitirlla ós nenos e nenas.

Tamén dou cursos de galego non remunerados nalgunha ocasión en lugares como Ourense, Pontevedra ou Vilagarcía de Arousa que estaban dirixidos a mestras, mestres e outras persoas que non tiveran a ocasión de recibir formación en lingua galega. En 1973, xunto con outros defensores da lingua, abre en Pontevedra a librería Xuntanza, un lugar onde se podían atopar libros prohibidos polo réxime e onde se axudaba a recaudar fondos para axudar a presos políticos.

Por suposto, toda esta defensa e promoción do galego trouxolle nalgunhas ocasión problemas co réxime.

Como dixen, a autora galega naceu en Cáceres pero sempre se sentiu profundamente atraída por Galicia, pola súa lingua e pola súa cultura, e considerouse a si mesma galega por ser a terra e a lingua coa que se identificou.

Tras a súa morte, a súa biblioteca persoal de 5000 volumes foi doada ó IES Gonzalo Torrente Ballester.

A súa obra

Na súa obra destaca sobretodo a literatura infantil e xuvenil, aínda que tamén escribiu algún ensaio, narrativa, poesía e colaborou na elaboración de libros de texto. O seu primeiro libro, Mar Adiante(1973), tivo unha gran repercusión e colocou a María Victoria como unha das autoras pioneiras na literatura infantil galega. Outras obras salientables son O cataventos (1979) que acadou o Premio O Facho, A festa no faiado (1983), e Leonardo e os fontaneiros (1986).

Pero sen lugar a dúbidas a obra con máis renome é Anagnórise(1988), que xa é un clásico da literatura xuvenil galega e que a rematou de consolidar como unha das grandes referencias da lituratura para os máis novos…

Nas súa obra destaca a importancia de temas trascendentais como os conflitos de identidade na adolescencia, o amor e respeto polos animais, etc. A parte da literatura xuvenil, tamén é interesante destacar o ensaio Diario da luz e a sombra (2004), donde relata a súa experiencia co cancro.

Nos últimos anos da súa vida, María Victoria recibiu numerosos premios e homenaxes como recoñecemento á súa obra e á súa labor como defensora da nosa lingua.

María Victoria Moreno contribuíu enormemente á nosa lingua, amosando sempre un forte compromiso social e exercendo a labor de promocionar o galego desfrutando da literatura. Para rematar, deixamos unha frase da propia María Victoria que explica ben a súa relación co galego.

A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é, simplemente, unha historia de amor

María Victoria Moreno, en 1993, no congreso Poetas Alófonos en Lingua Galega