As Catedrais Silenciadas

Veñen de lanzar un novo disco Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre: As Catedrais Silenciadas. Un agasallo para os oídos e unha mensaxe a prol de todo o patrimonio que temos.

Portada do disco de As Catedrais Silenciadas

Son un aférrimo seguidor e asíduo oínte dos anteriores discos tanto de Xabier Díaz como das súas colaboracións con Adufeiras de Salitre, coas que vai con este polo terceiro disco. Pasadas xa unhas semanas do lanzamento, poida que este sexa o disco que máis me gusta de todos. É unha auténtica ledicia escoitar todas as cancións de principio a fin. E non debo ser o único ao que lle encantou, pois creo que chegou a estar as primeiras semanas entre os seis discos máis vendidos en Amazon.

Pero, ¿Qué son as Catedrais Silenciadas? Xabier Díaz protagonizou en abril unha entrevista no programa da Radio Galega Lume na Palleira (Programa sobre música tradicional galega, moi recomendable) e unha reportaxe moi interesante no número 338 do semanario Sermos Galiza, onde nos explica que as “catedrais silenciadas” son todo ese patrimonio material e inmaterial tan rico e tan poderoso que ten Galiza, que todos sabemos que ten, pero que está total e absolutamente silenciado, abandonado ou simplemente ignorado. O título ven a partires de que temos unha catedral que recibe case a totalidade de atención, e temos outras moitas “catedrais”, en cada vila, e en cada aldea, que non reciben a atención que se merecen, e que corren o risco de quedaren enterradas no olvido.

No momento en que exista unha percepción de prestixio, dunha maneira paralela darémoslle valor a cousas que teñen que ver coa nosa propia identidade e que nos axudarán tamén a termos unha autoestima da que moitas veces carecemos.

Xabier Díaz falando do estado da música tradicional galega na entrevista en Semos Galiza.

Comenta Xabier que unha de esas catedrais que máis lle preocupa é a lingua galega. Temos tamén todo o leste de Galiza olvidado (Pois ás veces parece que Galiza é só o eixo atlántico), a arquitectura popular, o rural e a nosa forma de vida, e por suposto a música tradicional e o cancioneiro popular. Aquí cabe destacar a importancia que tiveron as mulleres na conservación e propagación de todo este tesouro cultural ao longo dos anos, dun xeito totalmente oral, para que chegase aos nosos días e o poidamos escoitar en discos coma o de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre.

Vemos que o disco é moito máis que boa música, pois é tamén unha homenaxe e unha chamada de atención para que lle prestemos atención a todas as “catedrais silenciadas” que temos diante da porta ou que levan anos contándonos os nosos maiores.

Os discos de Xabier Díaz son resultado de anos e anos de unha profunda e longa investigación musical e cultural que realiza contínuamente por todo o territorio galego. De todas as cancións pode contar unha historia, falarnos de unha localidade, ou da muller que llela ensinou.

Como dixen no principio gústanme moito todas as cancións do disco, pero se teño que destacar tres, a primeira é No Salón das Cereixas, pois non só me parece preciosa, senón que vexo reflexada nela todas esas historias que me conta de cando en vez miña avoa de cómo eran as festas e romerías cando elas eran novas e do que lle gustaba bailar a todas. Sinto que esta canción é unha homenaxe audiovisual a todas esas historias. Creo recordar da entrevista na radio que esta canción provén da zona de Verdillo (Carballo).

Outra que tamén me gusta moito é Botei un Ai!, unha canción reversionada que xa tiña nun disco anterior (Coplas para Icía), e que provén de San Salvador de Padreiro (Santa Comba).

Tentenublo é outra das miñas favoritas, e así podería nomealas todas.

Recoméndovos moito escoitar tanto este como os anteriores discos de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, e espero que os disfrutedes tanto como os disfruto eu. Tédelo en plataformas dixitais ou podedes mercalo en formato físico, onde ven acompañado con unhas marabillosas fotografías de moitas desas catedrais silenciadas.

Se seguides a Xabier Díaz nas redes sociais soe contar de cando en vez cousas do disco, sube titoriais de como tocar as cancións, e amosa algunhas desas extraordinarias fotografías que acompañan ao disco.